• Concluída a incubación, iniciase agora a avaliación dos tres proxectos dirixidos á búsqueda de novos tratamentos para a enfermidade de Alzheimer e outras patoloxías neurodexenerativas, demencias en trastornos neurolóxicos e enfermedades hepáticas como o cancro de fígado
     
  • Durante a fase de incubación, que durou entre seis meses e un ano, un comité de dirección foi o encargado de facer un exhaustivo seguimento destes tres programas, que superaron as expectativas
  • I2D2, impulsada pola Fundación Kærtor, a Xunta e a compañía farmacéutica Janssen/ Johnson &Johnson, naceu para dar resposta a enfermidades sen solucións terapéuticas eficientes. A iniciativa que sitúa a Galicia no mapa global da innovación aberta, supón un importante aforro de tempo, diñeiro e redución de riscos no proceso de descubrimento de fármacos, grazas á aplicación da metodoloxía desenvolvida pola Fundación Kærtor

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración coa compañía farmacéutica Janssen Johnson&Johnson e a Fundación Kærtor, presentaron o pasado 20 de setembro os resultados da iniciativa I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery), a primeira incubadora para acelerar proxectos de investigación temperá a probas de concepto en pacientes, no ámbito do descubrimento de novos fármacos en España.

Finalizada a fase de incubación, que durou entre seis meses e un ano, arrinca agora a avaliación dos tres programas seleccionados, na que Janssen poderá valorar o seu posible desenvolvemento industrial. A procura de novos tratamentos para a enfermidade de Alzheimer e outras patoloxías neurodexenerativas, demencias en trastornos neurolóxicos e enfermidades hepáticas como o cancro de fígado son os tres ámbitos clínicos nos que traballaron os centros responsables, todos españois. Trátase da compañía Quimatryx S.L., promotora do primeiro programa; a Universidade Complutense de Madrid, do segundo; e o Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares do Instituto de Saúde Carlos III (CNIC), impulsor do programa dirixido a tratamentos de enfermidades hepáticas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, Carlos Diéguez; os directores científicos da Fundación Kærtor, Mabel Loza e Ángel Carracedo; o patrón da Fundación, José Manuel Silva; ademais do director de I+D de Janssen España, Javier Fernández, foron os encargados da presentación, durante a que se proxectou un audiovisual cos principais fitos da iniciativa.

Avaliar para dar saída comercial a novos fármacos

Dá comezo agora a fase de avaliación por parte de Janssen, a quen corresponde, en primeiro lugar, estudar a viabilidade industrial dos tres proxectos, o seu posible investimento, así como tempos, recursos técnicos, humanos e cifras necesarias para a súa licitación.

Durante a fase previa de incubación, cada proxecto contou cun comité de dirección composto polo equipo de investigación biomédica solicitante e o equipo de investigación traslacional da Fundación Kærtor, encargado de acelerar estes programas achegando a investigación da maneira máis rápida e eficiente posible ós pacientes. Seguindo os criterios establecidos, o comité de dirección considerou que os tres proxectos non só cumpren senón que superan amplamente as expectativas previstas.

Durante a iniciativa I2D2, aplicouse a novidosa metodoloxía de aceleración para descubrimento temperá de fármacos desenvolta pola Fundación Kaertor que permite un aforro considerable, tanto desde o punto de vista dos prazos, como do financiamento e riscos. Ademais busca potenciar o emprendemento e a transferencia de coñecemento, de maneira que se poida xerar actividade empresarial e benestar económico e social, conta cun presuposto de máis de 2 millóns de euros e supón a creación de 12 empregos directos e outros tantos indirectos, de perfís de alta cualificación e experiencia en relación coa economía do coñecemento en descubrimento de fármacos.

Principais cifras

A iniciativa I2D2, na súa convocatoria de proxectos aberta en xullo do 2017 ata decembro de 2018, recibiu unha extraordinaria resposta. No primeiro mes da convocatoria, recibíronse 157 expresións de interese, procedentes na súa maioría de España (94%). A participación de centros e investigadores de Galicia foi moi destacada, con 38 propostas. A maioría delas procedían de centros de investigación académicos: universidades, hospitais … sumando un 86%, pero tamén se recibiron proxectos de empresas privadas (14%) e institucións mixtas (1%). As propostas cubriron as diferentes áreas de investigación biomédica: oncoloxía (38,9%), neurociencias (20,4%), cardiovascular e metabolismo (10,8%), enfermidades infecciosas e vacinas (7,6%), inmunoloxía (7,6%), transversais e varias áreas (5,7%), entre outras.

Galicia, polo global de innovación aberta en descubrimento de fármacos

Ao través da cooperación público-privada, e contando como empresa tractora cunha das grandes compañías farmacéuticas internacionais, Janssen/Johnson& Johnson, captaranse para Galicia colaboracións que permiten o desenvolvemento de masa crítica e posicionan á comunidade no mapa europeo do sector, convertíndoa nun polo de innovación aberta no descubrimento de fármacos. Trátase de orientar a investigación, buscando ideas e proxectos en calquera lugar do mundo para desenvolvelos na comunidade galega.

O proxecto I2D2 contribúe ó impulso do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, cun alto impacto sobre as pemes galegas do sector, que poderán prestar servizos para o desenvolvemento de proxectos de descubrimento de fármacos derivados dá iniciativa I2D2. Neste sentido enmárcase na Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía de Galicia, que prevé mobilizar 200 millóns de euros ata o 2020, dos que 125 proceden de fondos públicos.

Posición da Xunta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou que o esforzo e traballo desenvolto neste proxecto pola Fundación Kᴂrtor, xunto co CIMUS e Janssen/Johnson&Johnson, está a ter recompensa e permite situar a Galicia máis cerca do seu obxectivo de transformarse nunha rexión líder no sur de Europa no eido da oferta de servizos e produtos relacionados cun modelo de vida saudable.

Conde lembrou a aposta que o Goberno galego está a realizar neste aspecto e explicou que a Estratexia de impulso á biotecnoloxía xa mobilizou cerca de 200M€. Finalizou invitando a todo o sector a continuar con este modelo de alianzas público-privadas que permiten elevar o nivel da investigación sanitaria en Galicia, atraer investimento, crear emprego e potenciar a transferencia de coñecemento ao mercado.

Ligazóns de interese