O proxecto Targeting Imidazole Propionate in atherosclerosis, liderado polo Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC), conta coa participación da Fundación Kaertor, con Mabel Louza como unha das investigadoras principais. A Fundación A Caixa financiou este proxecto con 967.620,20 euros a través da convocatoria Caixaresearch de Investigación en Saúde 2023, a cal ten como obxectivo secundar e impulsar a diferentes proxectos de investigación biomédica de excelencia con impacto social.

En concreto, a iniciativa na que colaboramos desde a Fundación Kaertor, destacou entre o resto no sector da medicina cardiovascular. Trátase dun proxecto centrado no estudo da aterosclerosis, unha doenza que consiste na acumulación de graxas, colesterol e outras substancias que levan á inflamación das paredes vasculares das arterias. A iniciativa ten como obxectivo enfocarse na análise dunha molécula producida pola microbiota intestinal, a cal permitiría a detección temperá da enfermidade, así como o seu tratamento eficiente.

Durante a aterosclerosis é normal que se formen placas que, a longo prazo, cheguen a producir o ensanche dos vasos sanguíneos ou a súa rotura, xerando a formación de coágulos que bloquean o paso do fluxo sanguíneo. E, aínda que na actualidade é posible detectar esta afección de forma temperá usando técnicas de imaxe avanzada, estas teñen un custo elevado, polo que adoita resultar complicado implementalas a gran escala nos centros sanitarios. En certos estudos realizados previamente en modelos animais, foi posible identificar unha molécula producida polas bacterias da microbiota intestinal, que actúa como biomarcador de aterosclerosis. Partindo desta base, o proxecto busca identificar a concentración desa molécula en plasma como biomarcador, para identificar desa forma as primeiras fases da aterosclerosis e tamén para predicir futuros eventos cardiovasculares.

No acto de entrega da Fundación A Caixa, o cal se celebrou o pasado 23 de novembro en Barcelona, anunciáronse un total de 33 axudas a diferentes proxectos de investigación en biomedicina e saúde que tomarán parte en hospitais e centros de investigación de España e Portugal. A convocatoria contaba cunha suma de 25,3 millóns de euros para financiamento e recibiu un total de 493 propostas dirixidas á abordaxe de retos de saúde. As iniciativas galardoadas están destinadas a realizarse nun período de 3 anos e expoñen enfrontar desafíos sanitarios, como as enfermidades infecciosas, as neurociencias, as enfermidades cardiovasculares e metabólicas relacionadas e a oncoloxía.

Ademais deste proxecto con participación da Fundación Kaertor, outros tres pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela saíron premiados da convocatoria Caixaresearch. Así tamén se destinou unha parte dos fondos para financiar os proxectos de Javier Montenegro, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Comspotela (USC); de Aurora Gómez Durán, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, finalmente, de Faustino Gómez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).