A Fundación Kaertor incorporouse oficialmente á Funders Network de REMEDi4ALL, unha iniciativa europea financiada polo programa Horizonte Europa que busca transformar o ecosistema do reposicionamento de medicamentos, acelerando o desenvolvemento de terapias eficaces, seguras e accesibles para enfermidades con necesidades médicas non cubertas.
UN ENFOQUE INNOVADOR E COLABORATIVO
O reposicionamento de medicamentos —identificar novas indicacións terapéuticas para fármacos xa existentes— representa unha vía áxil e rendible fronte ao desenvolvemento tradicional de novos fármacos. Este enfoque resulta especialmente prometedor para enfermidades raras, ultra-raras e outras patoloxías desatendidas, onde a falta de tratamentos eficaces segue a ser unha realidade preocupante.
A incorporación da Fundación Kaertor como entidade asociada a REMEDi4ALL reforza o noso compromiso coa ciencia translacional, a innovación aberta e a colaboración público-privada orientada a resultados. A nosa experiencia impulsando proxectos de descubrimento e desenvolvemento temperán de fármacos mediante alianzas estratéxicas posicionanos como un actor clave dentro deste consorcio multidisciplinar integrado por 32 organizacións europeas de referencia.
UNHA REDE PARA TRANSFORMAR O ACCESO AOS MEDICAMENTOS
REMEDi4ALL está a construír unha plataforma integral que dará soporte científico, regulador, metodolóxico e financeiro a proxectos de reposicionamento en calquera etapa de desenvolvemento e área terapéutica. Ademais, promove a creación dunha comunidade global que fomente o intercambio de coñecemento, a formación de novos profesionais e o desenvolvemento de políticas públicas que favorezan o acceso equitativo a medicamentos reutilizados.
A Fundación Kaertor súmase así a un esforzo colectivo para facer do reposicionamento de fármacos unha vía principal de innovación terapéutica, contribuíndo á sustentabilidade dos sistemas de saúde e mellorando a vida de millóns de persoas en Europa e no mundo.